Exposición de Motivos
(1) Galicia vén padecendo unha das tres peores taxas de fecundidade das
últimas dúas décadas de entre as 268 entidades rexionais ou NUTS-2 dos Estados
da Unión Europea. O último informe detallado da Oficina estatística da UE
-Eurostat rexional yearbook 2013- así o certifica [1],
compartindo a devandita terna europea xunto co Principado de Asturias e
Canarias.
(2) Entre 1991 e a actualidade, a fecundidade galega sempre oscilou entre
0'9 e 1'1 fillos por muller, segundo a medida convencional de Eurostat, o que non
desbota como é obvio a corresponsabilidade masculina nesta evolución,
instalando de xeito permanente a Galicia no grupo de máis ínfima fecundidade de
toda Europa.
(3) Coa crise económica encetada en 2008, a pesar de non descender aínda ao
mínimo histórico de fecundidade que alcanzou Galicia entre 1996 e 2002, a
fecundidade non só se estancou, senón que corre o risco de cronificarse e de
descender ata ese mínimo histórico, arrastrando con iso as opcións de futuro do
pobo galego como ser colectivo con personalidade de seu.
(4) Por outra banda, Eurostat acredita, mesmo no medio dunha situación de
crise económica, que a fecundidade compórtase de distinto xeito en función dos
países[2].
Así sorprende que países con severas recesións, como son Irlanda e Grecia, tivesen
mantido unha taxa de fecundidade en 2011 de 2'05 e 1'42, respectivamente,
fronte ao reducido 1'07 que tivo Galicia no mesmo ano.
(5) A acumulación de décadas de mínima fecundidade vai traducirse nun
problema estrutural endémico en Galicia, que nin sequera cunha desexable achega
extraordinaria dunha futurible inmigración podería ser razoablemente
compensado.
(6) Os mozos galegos que non existan no inmediato futuro, residan en
Galicia ou eventualmente fóra dela pero con aspiracións de regresar, nunca poderán
contribuír a manter a nosa cohesión socioeconómica, a nosa identidade cultural
e histórica nin o noso porvir. É por iso que urxe dar un cambio radical de
enfoque e consensuar ao máximo entre todas as forzas políticas, pero tamén
entre todos os actores e axentes da sociedade galega, un elenco de orientacións
e medidas xerais, dotándoas da estabilidade que require a natureza do desafío
ao que nos enfrontamos.
(7) Perante dunha situación demográfica tan grave como a galega calquera
retraso á hora de tomar medidas estruturais resulta fatal, xa que
paulatinamente vaise reducindo de xeito acelerado o número de cidadáns galegos
en idade fértil, en especial naqueles intervalos de idade compatibles coa
fecundidade, consonte aconsella a ciencia médica.
(8) Ademais, diante do desolador panorama demográfico que enfrontamos,
moito máis grave que o de países do noso entorno, as medidas a adoptar non
poden ser testemuñais nin timoratas, e ademais de tentar importar as
acreditadas como válidas noutras sociedades, teremos que implantar outras máis
audaces e intensivas precisamente por mor de que a nosa situación de ínfima
fecundidade non ten tido parangón en tan curto espazo de tempo noutros países.
(…) + (Defensa de cada artigo ao xeito das normas
UE).
Capítulo I
Disposicións xerais
A presente Lei ten por obxecto propiciar o impulso demográfico do pobo
galego mediante a integración de todos os instrumentos lícitos ao alcance da
Comunidade Autónoma galega tendentes a ese fin.
Capítulo II
Medidas de avaliación e difusión
Artigo 2. Monitorización permanente
da evolución demográfica.
1. Periodicamente publicarase a diferenza entre persoas falecidas e nacidas
en Galicia. Do mesmo xeito publicarase coa maior frecuencia posible o índice harmonizado
de fecundidade máis común de entre os empregados pola oficina estatística da
Unión Europea (Eurostat), co fin de facilitar a comparación da evolución da
fecundidade galega coa do resto da Unión Europea e facilitar así a súa
converxencia.
2. A publicación da diferenza entre persoas falecidas e nacidas en Galicia
realizarase coa maior frecuencia que permita a recolección e tratamento dos
datos que fornezan as diversas fontes oficiais, sendo o seu obxectivo atinxir a
medio prazo a publicación diaria do saldo da véspera.
3. A publicación dos devanditos datos realizarase no Diario Oficial de
Galicia e remitirase en tempo real a todos os medios de información radicados
en Galicia, brindándolles todas as facilidades para que os difundan en lugar
salientado. Os medios de titularidade pública difundiranos nos seus boletíns
informativos.
4. Para a recolección e tratamento dos devanditos datos o Instituto Galego
de Estatística (IGE) manterá unha fluída coordinación coas equipas estatísticas
que a este fin decidan organizar as universidades públicas galegas e outros
organismos oficiais.
1. Baixo a coordinación da Comisaría Xeral de Impulso Demográfico de
Galicia (COMXIDG), publicarase anualmente un estudo oficial sobre o custo de
crianza por fillo, inspirado nos estudos oficiais que houbera ao respecto nos
países da OCDE.
2. O devandito estudo oficial servirá de base para que todas as
Administracións Públicas e entidades de dereito público de Galicia teñan en
conta a adaptación das súas medidas de estímulo demográfico á realidade
socioeconómica das familias galegas.
Capítulo
III. Medidas de estímulo
Artigo 4. - Determinación da renda
per cápita para os efectos de acceder aos servizos públicos.
1. Para a fixación dos tributos e prezos públicos cuxa regulación competa á
Comunidade Autónoma de Galicia ou ás Corporacións Locais galegas e restantes
entidades de dereito público de Galicia, para acceder aos servizos públicos que
presten, a contía a satisfacer polos usuarios determinarase considerando a
renda per cápita que lles correspondería dentro da súa respectiva unidade
familiar.
2. Para estes efectos, a unidade familiar comprende aos fillos de menos de
trinta anos de idade ou maiores cunha discapacidade superior a un terzo, e os
seus proxenitores ou pais adoptantes, convivan legalmente ou non, sempre que
manteñan unha unidade económica baseada na concorrencia da latente obriga civil
efectiva de alimentos, que se presumirá cando o individuo considerado ingresase
anualmente rendas inferiores á metade do salario medio galego acreditado polo
IGE.
3. A renda per cápita calcularase sumando as rendas obtidas por todos os
membros da familia atendendo ao último exercicio fiscal declarado, dividindo o
resultado daquela suma entre o número de persoas que convivan na mesma familia.
4. Aos efectos do cálculo da devandita renda per cápita sumaranse todas as
persoas que convivan no mesmo domicilio cuxos ingresos individuais non superen
o salario mínimo interprofesional, sexa cal for a súa idade.
5. No caso de que convivisen persoas cun grao de discapacidade superior ao
33%, a devandita persoa contará por dous para os efectos da determinación da
renda per cápita de cada membro da mesma familia.
Artigo 5. - Axudas públicas.
1. Nas bases reguladoras de subvencións, bolsas, subsidios, bonificacións e
demais axudas públicas de natureza social ou asistencial instrumentadas pola
Administración autonómica e que teñan por beneficiarios a persoas físicas,
ponderarase cun punto máis que o seguinte criterio de selección coa ponderación
máis alta a consideración da renda per cápita familiar do potencial
beneficiario.
2. Nas bases reguladoras de subvencións, bolsas, subsidios, bonificacións e
demais axudas públicas instrumentadas pola Administración autonómica e que
teñan por beneficiarios a profesionais ou entidades mercantís por razón da súa
actividade empresarial ou económica, ponderarase a renda per cápita familiar do
beneficiario se se tratase dun traballador autónomo sen traballadores por conta
allea ou, tratándose de profesionais ou sociedades con traballadores por conta
allea, o número medio de fillos do cadro de persoal. As referidas bases
reguladoras ponderarán o devandito criterio na medida en que non colisione con
normas europeas ou estatais ás que deban someterse, e nese caso outorgarán un
punto máis que o seguinte criterio discrecional de ponderación que poida
introducir a Administración autonómica.
3. As mesmas pautas dos precedentes números 1 e 2 deberán ser observadas
polas Corporacións Locais e entidades de dereito público galegas nas súas
respectivas bases reguladoras de subvencións, bolsas, subsidios, bonificacións
e demais axudas públicas.
4. Os tratamentos de fertilidade prescritos polo competente servizo galego
de saúde que non poidan ser atendidos dentro do prazo dun ano polos seus
propios medios, así como os procesos de adopción civil de menores, terán custo
cero para os cidadáns que os enceten. O seu financiamento público dotarase cos
incrementos adicionais de gravame que foran necesarios na parte autonómica do
IRPF.
Artigo
6. - Contratación pública e estímulo de conciliación familiar.
1. As Administracións Públicas galegas solicitarán ás empresas ou
profesionais que concorran a calquera procedemento de contratación pública
datos sobre o número medio de fillos do seu cadro de persoal, diferenciado por
categorías laborais ou profesionais.
2. Nos contratos públicos por debaixo dos umbrais monetarios previstos
polas directivas de contratación pública da UE, tomarase en consideración o
número medio de fillos por cadro de persoal, ponderando ademais positivamente o
maior número de fillos canto meirande sexa a retribución salarial. Este
criterio de natureza social ponderará tanto como a media dos restantes
criterios establecidos para a adxudicación.
3. Nos contratos públicos por enriba dos umbrais monetarios previstos polas
directivas de contratación pública da UE, a mesma acción afirmativa a prol da
fecundidade dos cadros de persoal prevista no número anterior introducirase
como consideración de tipo social á hora de ampliar o cadro de persoal a que
houbese de facer fronte a entidade contratada como consecuencia directa do
contrato adxudicado, debendo ter preferentemente a media dos traballadores
incorporados a ese fin un número de fillos cando menos dous terzos por riba da
media dos da categoría equivalente do cadro de persoal estrutural da entidade.
4. O despedimento declarado improcedente de traballadoras especialmente
protexidas polo Dereito da UE a causa do seu embarazo ou por se atopar en
período de lactación, dará lugar a unha penalización para futuras licitacións
durante os vindeiros cinco anos, que se traducirá na resta dunha décima por
cada despedimento improcedente sobre a media de fillos do cadro de persoal.
Artigo 7. - Concesións públicas.
As empresas concesionarias das Administracións Públicas galegas informarán
anualmente do número medio de fillos dos seus cadros de persoal, desagregando a
información por categorías profesionais.
Nos procesos de adxudicación de concesións públicas consideraranse os
mesmos criterios sinalados para os restantes procedementos de contratación
pública previstos nesta Lei.
Artigo 8. - Acceso ao emprego
público.
1. Nas convocatorias de acceso ao emprego público xeneralizarase a
modalidade de concurso-oposición, ponderando positivamente na fase de concurso
con entre un cuarto e un medio da puntuación máxima do concurso o número de
fillos de cada candidato, sendo a devandita ponderación cando se trate de
corpos ou escalas relacionados directamente con servizos á infancia ou a
xuventude de entre un terzo e dous terzos respecto da puntuación máxima do
concurso. A puntuación máxima da fase de concurso nunca poderá ser inferior que
a puntuación máxima que se puidese obter na fase de oposición. En todo caso, os
fillos cunha discapacidade superior ao 33% contarán o dobre.
2. En caso de empate nos procedementos selectivos de persoal, terá
preferencia para o desempate o candidato con maior número de fillos, computándose
por dous os que tiveren algún tipo de diversidade.
3. Para a contratación de persoal laboral e interino tamén se ponderará
positivamente o número de fillos de cada candidato.
4. Nos concursos de promoción interna ponderarase proporcionalmente o
número de fillos con polo menos entre un terzo e un medio dos puntos máximos en
liza. Esa abano incrementarase a entre un medio e dous terzos cando se trate de
postos relacionados cos servizos á infancia ou a xuventude.
5. Nos procedementos de cobertura de postos por libre designación, velarase
pola análoga atención aos candidatos con fillos, evitando a discriminación
obxectiva ou indirecta dos que os tiveren, considerando a media de fillos do
persoal do corpo ou escala ao que debe pertencer o candidato.
Artigo 9. - Acción afirmativa e
compensatoria a favor da conciliación familiar e laboral.
1. En todas as administracións e entidades de dereito público galegas
constituirase unha bolsa de días de libre disposición a prol dos proxenitores
con fillos menores de idade e maiores con diversidade. A devandita bolsa
dotarase coa achega da metade dos días por enriba dos mínimos a que obrigue a
normativa básica estatal de que dispoña o respectivo cadro de persoal e
distribuirase de xeito proporcional entre os anteditos proxenitores, en función
do seu número de fillos. Cada fillo con diversidade devengará o dobre de días
que un fillo sen diversidade.
2. O mesmo criterio do número anterior se aplicará nas empresas
concesionarias de servizos públicos e naquelas cuxo volume de negocios anual
proceda en máis dun 50% de contratos, axudas e/ou ingresos por prezos regulados
administrativamente, sempre en función dos días de libre disposición ou asuntos
propios que tiver recoñecidos o cadro de persoal por calquera instrumento
legal, convencional ou contractual.
3. Para a determinación dos períodos de vacacións, quendas, libranzas,
permisos, licenzas, horarios ou calquera outro beneficio estatutario ou laboral
do persoal funcionario ou laboral das entidades previstas nos números 1 e 2
deste artigo, terán preferencia de elección os proxenitores con fillos ao seu
cargo aos que deben prestar a obriga civil de alimentos, computándose o dobre
cada fillo con diversidade. Entre os proxenitores terá preferencia o de
meirande número de fillos sobre os restantes.
Artigo 10. - Reserva de prazas para
familias en estacionamentos.
1. As administracións públicas reservarán prazas de estacionamento de
superficie viaria en dominio público debidamente sinalizadas para familias con
nenos menores de catorce anos. A reserva desas prazas será proporcional en cada
localidade e rúa, avenida ou travesía ao número de nenos menores de catorce
anos censados nesta.
2. Nun radio de douscentos metros arredor de centros sanitarios con servizo
de pediatría, centros educativos e parques infantís, a reserva de prazas de
estacionamento debe representar non menos dun terzo de todas as dispoñibles.
Estas prazas non computarán na reserva obrigatoria prevista no número anterior.
3. As administracións públicas comunicarán anualmente á Comisaría Xeral de
Impulso Demográfico de Galicia (COMXIDG) o número, porcentaxe e situación das
devanditas prazas. De non ser así ou de incumprir os mínimos legais aquí
establecidos, perderán por cada praza deficitaria un 0'1% das transferencias
financeiras, axudas ou subvencións das que foran acredoras perante a Facenda
autonómica.
4. Os beneficiarios da reserva das devanditas prazas de estacionamento
identificarán a súa condición mediante unha tarxeta pública harmonizada pola
Comisaría Xeral de Impulso Demográfico de Galicia (COMXIDG), emitida polo seu
respectivo concello de residencia, e con validez en todo o territorio galego.
5. Nos estacionamentos explotados en réxime de concesión administrativa,
sexan de superficie ou subterráneos, esixirase a reserva dun número de prazas
equivalente á proporción detallada no número 1 deste artigo, ao outorgarse unha
nova concesión. Ademais as devanditas prazas terán unha bonificación no seu
prezo mínima do 20%, que se compensará coas restantes co fin de preservar o
equilibrio financeiro da concesión.
Nos procesos de regulación de emprego ou análogos de entidades públicas
galegas, calquera que fose a súa natureza, os traballadores ou empregados con
maior número de fillos, e sempre en proporción a estes, gozarán de prevalencia
absoluta á hora de manter as súas condicións laborais na respectiva entidade ou
de exercer as opcións que procederan por norma legal, convenio ou contrato. De
non se respectar a devandita prevalencia, a entidade perderá calquera axuda,
subvención, bonificación ou beneficio públicos a que tiver dereito.
Artigo 12. - Ponderación do voto en
procesos electorais a organismos representativos.
1. Nos procesos electorais a Consellos Escolares e outros organismos ou
órganos de representación dos intereses de nenos e mozos que poidan exercer os
seus proxenitores ou titores, estes disporán de tantos votos como fillos ou
tutelados teñan inscritos nos centros, organismos ou órganos correspondentes.
2. Para o caso en que legalmente só poida depositar os precitados votos un
dos proxenitores, terá preferencia a nai, salvo resolución xudicial en
contrario.
Artigo 13. - Servizo civil de apoio
ao impulso demográfico.
1. A Xunta de Galicia creará un Servizo civil de apoio ao impulso
demográfico (SECAID), que auxiliará ós pais e ás nais nas labouras de crianza e
educación dos menores, co fin de mellorar a compatibilidade entre a vida
persoal e a carreira profesional.
2. A xestión do SECAID será encomendada á COMXIDG.
3. O SECAID organizará os seus servizos de maneira descentralizada mediante
convenios de cooperación cos concellos e outras entidades públicas radicadas en
Galicia.
4. O SECAID recorrerá á doazón voluntaria de tempo de cidadáns que desexen
axudar a Galicia a superar o seu estado de risco demográfico, como medida para
garantir o futuro do pobo galego e a súa cohesión.
5. Os voluntarios do SECAID subscribirán un compromiso cando menos
semestral de horas dispoñibles.
6. Os voluntarios do SECAID serán acredores de análogas medidas
compensatorias que os proxenitores galegos no que atinxe ao acceso ao emprego
público. A valoración cuantitativa desas medidas será proporcional ao tempo
doado e ós servizos voluntariamente prestados, tomando como referencia unitaria
o tempo anual harmonizado que deba adicar unha nai ou pai estándar a un fillo
menor de dez anos.
Artigo 14.- Medidas de reforzo e
ampliación da conciliación laboral e familiar.
1. Todas as Administracións Públicas galegas, as súas sociedades,
fundacións, consorcios, entidades e organismos, así como as empresas
concesionarias de obras ou servizos públicas e aquelas que operen baixo
mercados ou prezos regulados ou que reciban máis dun 25% dos seus ingresos por
vía de subvencións, bonificacións fiscais, axudas ou contratos públicos durante
un ano, deberán facilitar a introdución de horarios flexibles de traballo ou
teletraballo entre o seu persoal, dando preferencia prelativa ao persoal con
máis fillos ao seu cargo. A non introdución destas medidas de conciliación para
o persoal con fillos deberá ser motivada perante a COMXIDG.
2. Todo o persoal empregado nas entidades referidas no número precedente
con descendentes menores de idade, ou con diversidade funcional ou enfermidade
crónica, ou maiores que dependan do ascendente para realizar os seus
desprazamentos por estudos, poderá solicitar, e concedéndoselle se as
necesidades produtivas ou do servizo o permitisen, a flexibilización da xornada
de traballo dentro dun horario diario de referencia, determinado en cada caso,
a petición da persoa interesada e oída a representación legal do persoal, pola
dirección de persoal do centro de traballo. A decisión, se as necesidades
produtivas ou do servizo o permitisen, recoñecerá o máis amplo horario diario
de referencia posible. Dentro do horario diario de referencia establecido, a
persoa interesada poderá cumprir a súa xornada de traballo con absoluta
liberdade, sempre e cando, en cómputo mensual, resulten cumpridas todas as
horas mensuais de traballo aplicables.
3. A solicitude de flexibilización, de teletraballo ou mixta de
teletraballo flexible, deberá ser resolta pola entidade empregadora nun prazo
inferior a dez días naturais. O traballador ou traballadora poderá solicitar á
COMGIDG que informe sobre a súa situación persoal, antes ou despois da
resolución da entidade empregadora, para a súa utilización como proba
documental ante xulgados ou tribunais aos que decida acudir en defensa do seu
dereito e dos descendentes ao seu cargo. En caso de apreciar discriminación
directa ou indirecta da entidade empregadora, a COMGIDG iniciará as accións
xurídicas que considere axeitadas para protexer e amparar os afectados.
Capítulo IV.
Comisaría Xeral de Impulso
Demográfico de Galicia (COMXIDG)
Artigo 15. - Natureza xurídico-institucional.
1. A Comisaría Xeral de Impulso Demográfico de Galicia (COMXIDG) é o alto
comisionado do Parlamento galego para mellorar os indicadores de fecundidade e
as proxeccións demográficas do pobo galego, co mandato de velar por que Galicia
acade a medio prazo e sempre antes de dez anos a fecundidade media do conxunto
da UE e, a longo prazo, antes de trinta anos a que corresponda á taxa de
reposición demográfica deste.
2. A persoa que presida a devandita Comisaría Xeral será elixida polo
Parlamento para un período de sete anos, renovable sen límite de termos.
3. O procedemento de elección, dotación e restantes elementos substantivos
da Comisaría Xeral serán análogos aos determinados para canto atinxe ao Valedor
do Pobo.
4.- A COMXIDG terá unha equivalente consideración legal, administrativa e
orzamentaria que os restantes órganos ou institucións dependentes do
Parlamento, que a dotará dos medios e recursos indispensables para cumprir as
súas obrigas e asumir as súas responsabilidades.
Artigo 16. - Serán competencias da
COMXIDG:
1. Monitorizar a evolución demográfica do pobo galego.
2. Propiciar a coordinación, cooperación e colaboración entre os servizos
estatísticos da Comunidade Autónoma e das Universidades públicas, para mellorar
permanentemente a calidade da información demográfica fundamental, a teor dos
estándares de Eurostat, e a súa dilixente e clara transmisión á poboación.
3. Reportar ao Parlamento, á Xunta de Galicia e á Federación galega de
Municipios e Provincias, a información sobre a que resulte urxente debater por
estas institucións como alerta temperá diante dunha evolución negativa dos
indicadores básicos de fecundidade e saldo vexetativo.
4. Propoñer á Xunta de Galicia, para a súa presentación perante o
Parlamento, un Plan quinquenal de impulso demográfico, que será votado para a
súa aprobación por dous terzos do Pleno do Parlamento, sendo ulteriormente
sometido o devandito Plan a avaliación e corrección anual perante o Parlamento.
Tamén poderá propoñer á Xunta de Galicia anteproxectos de Lei e proxectos de
disposicións regulamentarias, ademais de dirixirlle propostas e informes cando
a situación dos indicadores demográficos o requira.
5. Informar á Xunta de Galicia e ó Parlamento do balance demográfico anual
de Galicia e da súa evolución en termos comparados co resto da UE, propoñendo
as medidas correctoras que considere imprescindibles.
6. Velar pola non discriminación, directa ou indirecta, por razón de
maternidade ou paternidade e impulsar as accións xurídicas pertinentes, mesmo perante
os Xulgados e Tribunais de Xustiza.
7. Realizar a avaliación de impacto demográfico (AID) dos proxectos e
proposicións de Lei que deban presentarse ante o Parlamento, así como os plans
que se sometan á súa consideración.
8. Instar a mellora da coordinación entre as administracións públicas para
coadxuvar a superar as negativas proxeccións demográficas de Galicia.
9. Seguir permanentemente os debates demográficos que se desenvolvan na UE
e difundir as mellores prácticas na materia que se presenten noutros Estados da
Unión ou se recomenden polas institucións europeas.
10. Implementar as obrigas e medidas que se detallan nesta Lei.
11. Elaborar o proxecto de orzamento propio da COMXIDG para a súa
integración nos orzamentos do Parlamento, executalo e render conta da súa
execución.
12. Desenvolver aquelas iniciativas que considere imprescindibles en liña
co obxecto da presente Lei, dando conta do feito ao Parlamento.
13. Aprobar as directrices precisas para dar cumprimento ao ordenado nesta
Lei.
14. Trasladar aos proxenitores de todos os nenos nacidos en Galicia a
gratitude e recoñecemento do pobo galego polo seu compromiso co futuro de
Galicia.
15. Difundir a relevancia do feito demográfico para perpetuar a identidade
cultural e histórica de Galicia, garantir a súa cohesión socioeconómica e
preservar a saúde financeira do seu modelo social.
Artigo 17. - Medios e instrumentos
da COMXIDG.
1. A equipa da COMXIDG estará integrada por persoal funcionario ou laboral
procedente doutras administracións públicas. O devandito persoal quedará en
situación de servizos especiais mentres desenvolva a súa actividade na
Comisaría e terá a consideración de persoal ao servizo do Parlamento. A
relación de postos de traballo deberá ser aprobada polo Parlamento.
2. A COMXIDG intentará realizar o maior número de actividades que precise
desenvolver mediante convenios de cooperación ou colaboración coas
Administracións Públicas, os seus organismos e entidades, así como con
entidades privadas, preferentemente sen ánimo de lucro, con ou sen
cofinanciamento pola súa banda.
3. Unicamente se recorrerá á contratación externa de servizos e medios
cando se acredite a imposibilidade de obtelos por medio dalgún convenio dos
previstos no número anterior.
Disposicións adicionais.
Primeira. - Orzamentos anuais da
Comunidade Autónoma de Galicia.
1. Para a elaboración dos orzamentos anuais da Comunidade Autónoma de
Galicia tomaranse en consideración e incorporaranse a eles os indicadores
demográficos que forneza a COMXIDG. No proxecto de lei de orzamentos anuais
incorporarase ademais unha memoria específica sobre a situación demográfica de
Galicia, e avaliarase o previsible impacto destes sobre aquela.
2. A COMXIDG elaborará un informe especial para o Parlamento sobre o
previsible impacto do proxecto de orzamentos anuais da Comunidade Autónoma
sometido ao seu debate e aprobación.
Segunda. - Adaptación do Imposto
sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) ás necesidades demográficas de
Galicia.
1. A Consellería competente en materia de Facenda modificará e adaptará a
lexislación reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas na súa
parte autonómica para adaptar o devandito tributo ás previsións de tributación
sobre a renda per cápita familiar fixadas na presente Lei, sen minorar por iso
a recadación media obtida polo referido imposto durante o último trienio,
procedendo así á repartición equitativa, compensatoria e progresiva entre todos
os contribuíntes, dentro do marco autorizado pola normativa estatal.
2. A adaptación lexislativa prevista no número anterior terá que entrar en
vigor para a súa aplicación antes do inicio do segundo exercicio fiscal que
siga á entrada en vigor da presente Lei.
Terceira.- Futuras proposicións de
Lei galegas perante da Mesa do Congreso no eido da revitalización demográfica.
1.Mentres Galicia non acade a fecundidade media da Unión Europea, o
Parlamento de Galicia, nos termos previstos polo artigo 87.2 da Constitución,
remitirá á Mesa do Congreso, tantas veces como sexa legal e preciso, unha
proposición de Lei para adaptar a normativa tributaria e sociolaboral españolas
á necesaria rexeneración demográfica de Galicia e do resto de España. A
devandita adopción do texto a remitir esixirá unha maioría semellante á
requirida para elixir á persoa responsable da COMXIDG, así como a súa proposta
de exame polos parlamentos das demais Comunidades Autónomas con pésimas
perspectivas de fecundidade, a fin de que efectúen as súas propias propostas.
2. A proposición de Lei enriba citada incorporará as medidas indispensables
de interese para Galicia e mailo resto de España a fin de impulsar a
fecundidade, naquelas materias que excederan as competencias autonómicas,
facendo especial fincapé en medidas consensuadas a longo prazo, de alcance
xeracional, e socialmente ecuánimes, como é o principio de tributación
universal atendendo á renda per cápita, consonte o indicado no artigo 4 da
presente Lei.
3. Se, a pesares das medidas adoptadas polas Cortes Xerais españolas, a
fecundidade galega non iniciase unha rápida converxencia coa fecundidade media
europea, o dobre de veloz que a experimentada en termos de renda per cápita
entre 1986 e 2008, o Parlamento de Galicia impulsaría novas medidas a través de
subseguintes proposicións de Lei, con iniciativas que mesmo chegasen a
propugnar a reforma da Constitución para apoiar á infancia e mocidade que deba
perpetuar a solidariedade interxeracional que garante a cohesión social, sen
desbotar a posibilidade de instaurar o sufraxio universal activo dende o
nacemento, asistido no seu exercizo preferentemente polas nais dos menores e,
subsidiariamente, polos pais.
Disposición transitoria única.
O regulamento executivo do SECAID será aprobado no prazo dun ano dende a
entrada en vigor desta Lei.
Disposición derrogatoria única.
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan
ó previsto nesta Lei.
Disposición derradeira.
A presente Lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no
Diario Oficial de Galicia.
meldesar@gmail.com
[1] The lowest fertility rates were
recorded in three Spanish regions, namely the island region of the Canarias (an
average of 1.04 live births per woman) and two regions in the north-west — the
Principado de Asturias (1.05) and Galicia (1.07).
[2] Statistics in focus 13/2013:
Towards a ‘baby recession’ in Europe? Differential fertility trends during the
economic crisis.
Coido que para favorecer o debate conviría distribuír o texto en varias entradas. Así, en vez de agrupar todos os comentarios do conxunto do texto proposto, habería a posibilidade de depatir cada capítulo ou cada artigo da lei.
ResponderEliminarCoincido con Santiago. Esto pode dar para moito!
ResponderEliminarCoincido con Santiago. Esto pode dar para moito!
ResponderEliminar