sábado, 16 de abril de 2016

Proxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia (LIDEGA)

(1. entr.)


 Proxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia  (LIDEGA)
 
Exposición de Motivos

(1) Galicia vén padecendo unha das tres peores taxas de fecundidade das últimas dúas décadas de entre as 268 entidades rexionais ou NUTS-2 dos Estados da Unión Europea. O último informe detallado da Oficina estatística da UE -Eurostat rexional yearbook 2013- así o certifica [1], compartindo a devandita terna europea xunto co Principado de Asturias e Canarias.

(2) Entre 1991 e a actualidade, a fecundidade galega sempre oscilou entre 0'9 e 1'1 fillos por muller, segundo a medida convencional de Eurostat, o que non desbota como é obvio a corresponsabilidade masculina nesta evolución, instalando de xeito permanente a Galicia no grupo de máis ínfima fecundidade de toda Europa.

(3) Coa crise económica encetada en 2008, a pesar de non descender aínda ao mínimo histórico de fecundidade que alcanzou Galicia entre 1996 e 2002, a fecundidade non só se estancou, senón que corre o risco de cronificarse e de descender ata ese mínimo histórico, arrastrando con iso as opcións de futuro do pobo galego como ser colectivo con personalidade de seu.

(4) Por outra banda, Eurostat acredita, mesmo no medio dunha situación de crise económica, que a fecundidade compórtase de distinto xeito en función dos países[2]. Así sorprende que países con severas recesións, como son Irlanda e Grecia, tivesen mantido unha taxa de fecundidade en 2011 de 2'05 e 1'42, respectivamente, fronte ao reducido 1'07 que tivo Galicia no mesmo ano.

(5) A acumulación de décadas de mínima fecundidade vai traducirse nun problema estrutural endémico en Galicia, que nin sequera cunha desexable achega extraordinaria dunha futurible inmigración podería ser razoablemente compensado.

(6) Os mozos galegos que non existan no inmediato futuro, residan en Galicia ou eventualmente fóra dela pero con aspiracións de regresar, nunca poderán contribuír a manter a nosa cohesión socioeconómica, a nosa identidade cultural e histórica nin o noso porvir. É por iso que urxe dar un cambio radical de enfoque e consensuar ao máximo entre todas as forzas políticas, pero tamén entre todos os actores e axentes da sociedade galega, un elenco de orientacións e medidas xerais, dotándoas da estabilidade que require a natureza do desafío ao que nos enfrontamos.

(7) Perante dunha situación demográfica tan grave como a galega calquera retraso á hora de tomar medidas estruturais resulta fatal, xa que paulatinamente vaise reducindo de xeito acelerado o número de cidadáns galegos en idade fértil, en especial naqueles intervalos de idade compatibles coa fecundidade, consonte aconsella a ciencia médica.

(8) Ademais, diante do desolador panorama demográfico que enfrontamos, moito máis grave que o de países do noso entorno, as medidas a adoptar non poden ser testemuñais nin timoratas, e ademais de tentar importar as acreditadas como válidas noutras sociedades, teremos que implantar outras máis audaces e intensivas precisamente por mor de que a nosa situación de ínfima fecundidade non ten tido parangón en tan curto espazo de tempo noutros países.

(…)  + (Defensa de cada artigo ao xeito das normas UE).

 

Capítulo I

Disposicións xerais

 Artigo 1. Obxecto.

A presente Lei ten por obxecto propiciar o impulso demográfico do pobo galego mediante a integración de todos os instrumentos lícitos ao alcance da Comunidade Autónoma galega tendentes a ese fin.

 

Capítulo II

Medidas de avaliación e difusión


Artigo 2. Monitorización permanente da evolución demográfica.

1. Periodicamente publicarase a diferenza entre persoas falecidas e nacidas en Galicia. Do mesmo xeito publicarase coa maior frecuencia posible o índice harmonizado de fecundidade máis común de entre os empregados pola oficina estatística da Unión Europea (Eurostat), co fin de facilitar a comparación da evolución da fecundidade galega coa do resto da Unión Europea e facilitar así a súa converxencia.

2. A publicación da diferenza entre persoas falecidas e nacidas en Galicia realizarase coa maior frecuencia que permita a recolección e tratamento dos datos que fornezan as diversas fontes oficiais, sendo o seu obxectivo atinxir a medio prazo a publicación diaria do saldo da véspera.

3. A publicación dos devanditos datos realizarase no Diario Oficial de Galicia e remitirase en tempo real a todos os medios de información radicados en Galicia, brindándolles todas as facilidades para que os difundan en lugar salientado. Os medios de titularidade pública difundiranos nos seus boletíns informativos.

4. Para a recolección e tratamento dos devanditos datos o Instituto Galego de Estatística (IGE) manterá unha fluída coordinación coas equipas estatísticas que a este fin decidan organizar as universidades públicas galegas e outros organismos oficiais.

 5. Os informes demográficos que vaia realizando Eurostat sobre a evolución demográfica da UE serán obxecto de análise polo IGE, que proporcionará ao público os índices e datos especificamente galegos, ao obxecto de facilitar a comparación da devandita evolución entre Galicia e o resto da UE.


 Artigo 3. - Publicación do custo de crianza por fillo.

1. Baixo a coordinación da Comisaría Xeral de Impulso Demográfico de Galicia (COMXIDG), publicarase anualmente un estudo oficial sobre o custo de crianza por fillo, inspirado nos estudos oficiais que houbera ao respecto nos países da OCDE.

2. O devandito estudo oficial servirá de base para que todas as Administracións Públicas e entidades de dereito público de Galicia teñan en conta a adaptación das súas medidas de estímulo demográfico á realidade socioeconómica das familias galegas.

 

Capítulo III. Medidas de estímulo
 

Artigo 4. - Determinación da renda per cápita para os efectos de acceder aos servizos públicos.

1. Para a fixación dos tributos e prezos públicos cuxa regulación competa á Comunidade Autónoma de Galicia ou ás Corporacións Locais galegas e restantes entidades de dereito público de Galicia, para acceder aos servizos públicos que presten, a contía a satisfacer polos usuarios determinarase considerando a renda per cápita que lles correspondería dentro da súa respectiva unidade familiar.

2. Para estes efectos, a unidade familiar comprende aos fillos de menos de trinta anos de idade ou maiores cunha discapacidade superior a un terzo, e os seus proxenitores ou pais adoptantes, convivan legalmente ou non, sempre que manteñan unha unidade económica baseada na concorrencia da latente obriga civil efectiva de alimentos, que se presumirá cando o individuo considerado ingresase anualmente rendas inferiores á metade do salario medio galego acreditado polo IGE.

3. A renda per cápita calcularase sumando as rendas obtidas por todos os membros da familia atendendo ao último exercicio fiscal declarado, dividindo o resultado daquela suma entre o número de persoas que convivan na mesma familia.

4. Aos efectos do cálculo da devandita renda per cápita sumaranse todas as persoas que convivan no mesmo domicilio cuxos ingresos individuais non superen o salario mínimo interprofesional, sexa cal for a súa idade.

5. No caso de que convivisen persoas cun grao de discapacidade superior ao 33%, a devandita persoa contará por dous para os efectos da determinación da renda per cápita de cada membro da mesma familia.

 
Artigo 5. - Axudas públicas.

1. Nas bases reguladoras de subvencións, bolsas, subsidios, bonificacións e demais axudas públicas de natureza social ou asistencial instrumentadas pola Administración autonómica e que teñan por beneficiarios a persoas físicas, ponderarase cun punto máis que o seguinte criterio de selección coa ponderación máis alta a consideración da renda per cápita familiar do potencial beneficiario.

2. Nas bases reguladoras de subvencións, bolsas, subsidios, bonificacións e demais axudas públicas instrumentadas pola Administración autonómica e que teñan por beneficiarios a profesionais ou entidades mercantís por razón da súa actividade empresarial ou económica, ponderarase a renda per cápita familiar do beneficiario se se tratase dun traballador autónomo sen traballadores por conta allea ou, tratándose de profesionais ou sociedades con traballadores por conta allea, o número medio de fillos do cadro de persoal. As referidas bases reguladoras ponderarán o devandito criterio na medida en que non colisione con normas europeas ou estatais ás que deban someterse, e nese caso outorgarán un punto máis que o seguinte criterio discrecional de ponderación que poida introducir a Administración autonómica.

3. As mesmas pautas dos precedentes números 1 e 2 deberán ser observadas polas Corporacións Locais e entidades de dereito público galegas nas súas respectivas bases reguladoras de subvencións, bolsas, subsidios, bonificacións e demais axudas públicas.

4. Os tratamentos de fertilidade prescritos polo competente servizo galego de saúde que non poidan ser atendidos dentro do prazo dun ano polos seus propios medios, así como os procesos de adopción civil de menores, terán custo cero para os cidadáns que os enceten. O seu financiamento público dotarase cos incrementos adicionais de gravame que foran necesarios na parte autonómica do IRPF.
 

Artigo 6. - Contratación pública e estímulo de conciliación familiar.

1. As Administracións Públicas galegas solicitarán ás empresas ou profesionais que concorran a calquera procedemento de contratación pública datos sobre o número medio de fillos do seu cadro de persoal, diferenciado por categorías laborais ou profesionais.

2. Nos contratos públicos por debaixo dos umbrais monetarios previstos polas directivas de contratación pública da UE, tomarase en consideración o número medio de fillos por cadro de persoal, ponderando ademais positivamente o maior número de fillos canto meirande sexa a retribución salarial. Este criterio de natureza social ponderará tanto como a media dos restantes criterios establecidos para a adxudicación.

3. Nos contratos públicos por enriba dos umbrais monetarios previstos polas directivas de contratación pública da UE, a mesma acción afirmativa a prol da fecundidade dos cadros de persoal prevista no número anterior introducirase como consideración de tipo social á hora de ampliar o cadro de persoal a que houbese de facer fronte a entidade contratada como consecuencia directa do contrato adxudicado, debendo ter preferentemente a media dos traballadores incorporados a ese fin un número de fillos cando menos dous terzos por riba da media dos da categoría equivalente do cadro de persoal estrutural da entidade.

4. O despedimento declarado improcedente de traballadoras especialmente protexidas polo Dereito da UE a causa do seu embarazo ou por se atopar en período de lactación, dará lugar a unha penalización para futuras licitacións durante os vindeiros cinco anos, que se traducirá na resta dunha décima por cada despedimento improcedente sobre a media de fillos do cadro de persoal.

 
Artigo 7. - Concesións públicas.

As empresas concesionarias das Administracións Públicas galegas informarán anualmente do número medio de fillos dos seus cadros de persoal, desagregando a información por categorías profesionais.

Nos procesos de adxudicación de concesións públicas consideraranse os mesmos criterios sinalados para os restantes procedementos de contratación pública previstos nesta Lei.

 
Artigo 8. - Acceso ao emprego público.

1. Nas convocatorias de acceso ao emprego público xeneralizarase a modalidade de concurso-oposición, ponderando positivamente na fase de concurso con entre un cuarto e un medio da puntuación máxima do concurso o número de fillos de cada candidato, sendo a devandita ponderación cando se trate de corpos ou escalas relacionados directamente con servizos á infancia ou a xuventude de entre un terzo e dous terzos respecto da puntuación máxima do concurso. A puntuación máxima da fase de concurso nunca poderá ser inferior que a puntuación máxima que se puidese obter na fase de oposición. En todo caso, os fillos cunha discapacidade superior ao 33% contarán o dobre.

2. En caso de empate nos procedementos selectivos de persoal, terá preferencia para o desempate o candidato con maior número de fillos, computándose por dous os que tiveren algún tipo de diversidade.

3. Para a contratación de persoal laboral e interino tamén se ponderará positivamente o número de fillos de cada candidato.

4. Nos concursos de promoción interna ponderarase proporcionalmente o número de fillos con polo menos entre un terzo e un medio dos puntos máximos en liza. Esa abano incrementarase a entre un medio e dous terzos cando se trate de postos relacionados cos servizos á infancia ou a xuventude.

5. Nos procedementos de cobertura de postos por libre designación, velarase pola análoga atención aos candidatos con fillos, evitando a discriminación obxectiva ou indirecta dos que os tiveren, considerando a media de fillos do persoal do corpo ou escala ao que debe pertencer o candidato.

 
Artigo 9. - Acción afirmativa e compensatoria a favor da conciliación familiar e laboral.

1. En todas as administracións e entidades de dereito público galegas constituirase unha bolsa de días de libre disposición a prol dos proxenitores con fillos menores de idade e maiores con diversidade. A devandita bolsa dotarase coa achega da metade dos días por enriba dos mínimos a que obrigue a normativa básica estatal de que dispoña o respectivo cadro de persoal e distribuirase de xeito proporcional entre os anteditos proxenitores, en función do seu número de fillos. Cada fillo con diversidade devengará o dobre de días que un fillo sen diversidade.

2. O mesmo criterio do número anterior se aplicará nas empresas concesionarias de servizos públicos e naquelas cuxo volume de negocios anual proceda en máis dun 50% de contratos, axudas e/ou ingresos por prezos regulados administrativamente, sempre en función dos días de libre disposición ou asuntos propios que tiver recoñecidos o cadro de persoal por calquera instrumento legal, convencional ou contractual.

3. Para a determinación dos períodos de vacacións, quendas, libranzas, permisos, licenzas, horarios ou calquera outro beneficio estatutario ou laboral do persoal funcionario ou laboral das entidades previstas nos números 1 e 2 deste artigo, terán preferencia de elección os proxenitores con fillos ao seu cargo aos que deben prestar a obriga civil de alimentos, computándose o dobre cada fillo con diversidade. Entre os proxenitores terá preferencia o de meirande número de fillos sobre os restantes.

 
Artigo 10. - Reserva de prazas para familias en estacionamentos.

1. As administracións públicas reservarán prazas de estacionamento de superficie viaria en dominio público debidamente sinalizadas para familias con nenos menores de catorce anos. A reserva desas prazas será proporcional en cada localidade e rúa, avenida ou travesía ao número de nenos menores de catorce anos censados nesta.

2. Nun radio de douscentos metros arredor de centros sanitarios con servizo de pediatría, centros educativos e parques infantís, a reserva de prazas de estacionamento debe representar non menos dun terzo de todas as dispoñibles. Estas prazas non computarán na reserva obrigatoria prevista no número anterior.

3. As administracións públicas comunicarán anualmente á Comisaría Xeral de Impulso Demográfico de Galicia (COMXIDG) o número, porcentaxe e situación das devanditas prazas. De non ser así ou de incumprir os mínimos legais aquí establecidos, perderán por cada praza deficitaria un 0'1% das transferencias financeiras, axudas ou subvencións das que foran acredoras perante a Facenda autonómica.

4. Os beneficiarios da reserva das devanditas prazas de estacionamento identificarán a súa condición mediante unha tarxeta pública harmonizada pola Comisaría Xeral de Impulso Demográfico de Galicia (COMXIDG), emitida polo seu respectivo concello de residencia, e con validez en todo o territorio galego.

5. Nos estacionamentos explotados en réxime de concesión administrativa, sexan de superficie ou subterráneos, esixirase a reserva dun número de prazas equivalente á proporción detallada no número 1 deste artigo, ao outorgarse unha nova concesión. Ademais as devanditas prazas terán unha bonificación no seu prezo mínima do 20%, que se compensará coas restantes co fin de preservar o equilibrio financeiro da concesión.

 Artigo 11. - Protección dos medios de vida dos fillos economicamente dependentes perante procesos de axuste de cadros de persoal en entidades públicas galegas.

Nos procesos de regulación de emprego ou análogos de entidades públicas galegas, calquera que fose a súa natureza, os traballadores ou empregados con maior número de fillos, e sempre en proporción a estes, gozarán de prevalencia absoluta á hora de manter as súas condicións laborais na respectiva entidade ou de exercer as opcións que procederan por norma legal, convenio ou contrato. De non se respectar a devandita prevalencia, a entidade perderá calquera axuda, subvención, bonificación ou beneficio públicos a que tiver dereito.
 

Artigo 12. - Ponderación do voto en procesos electorais a organismos representativos.

1. Nos procesos electorais a Consellos Escolares e outros organismos ou órganos de representación dos intereses de nenos e mozos que poidan exercer os seus proxenitores ou titores, estes disporán de tantos votos como fillos ou tutelados teñan inscritos nos centros, organismos ou órganos correspondentes.

2. Para o caso en que legalmente só poida depositar os precitados votos un dos proxenitores, terá preferencia a nai, salvo resolución xudicial en contrario.

 
Artigo 13. - Servizo civil de apoio ao impulso demográfico.

1. A Xunta de Galicia creará un Servizo civil de apoio ao impulso demográfico (SECAID), que auxiliará ós pais e ás nais nas labouras de crianza e educación dos menores, co fin de mellorar a compatibilidade entre a vida persoal e a carreira profesional.

2. A xestión do SECAID será encomendada á COMXIDG.

3. O SECAID organizará os seus servizos de maneira descentralizada mediante convenios de cooperación cos concellos e outras entidades públicas radicadas en Galicia.

4. O SECAID recorrerá á doazón voluntaria de tempo de cidadáns que desexen axudar a Galicia a superar o seu estado de risco demográfico, como medida para garantir o futuro do pobo galego e a súa cohesión.

5. Os voluntarios do SECAID subscribirán un compromiso cando menos semestral de horas dispoñibles.

6. Os voluntarios do SECAID serán acredores de análogas medidas compensatorias que os proxenitores galegos no que atinxe ao acceso ao emprego público. A valoración cuantitativa desas medidas será proporcional ao tempo doado e ós servizos voluntariamente prestados, tomando como referencia unitaria o tempo anual harmonizado que deba adicar unha nai ou pai estándar a un fillo menor de dez anos.

 

Artigo 14.- Medidas de reforzo e ampliación da conciliación laboral e familiar.

1. Todas as Administracións Públicas galegas, as súas sociedades, fundacións, consorcios, entidades e organismos, así como as empresas concesionarias de obras ou servizos públicas e aquelas que operen baixo mercados ou prezos regulados ou que reciban máis dun 25% dos seus ingresos por vía de subvencións, bonificacións fiscais, axudas ou contratos públicos durante un ano, deberán facilitar a introdución de horarios flexibles de traballo ou teletraballo entre o seu persoal, dando preferencia prelativa ao persoal con máis fillos ao seu cargo. A non introdución destas medidas de conciliación para o persoal con fillos deberá ser motivada perante a COMXIDG.

2. Todo o persoal empregado nas entidades referidas no número precedente con descendentes menores de idade, ou con diversidade funcional ou enfermidade crónica, ou maiores que dependan do ascendente para realizar os seus desprazamentos por estudos, poderá solicitar, e concedéndoselle se as necesidades produtivas ou do servizo o permitisen, a flexibilización da xornada de traballo dentro dun horario diario de referencia, determinado en cada caso, a petición da persoa interesada e oída a representación legal do persoal, pola dirección de persoal do centro de traballo. A decisión, se as necesidades produtivas ou do servizo o permitisen, recoñecerá o máis amplo horario diario de referencia posible. Dentro do horario diario de referencia establecido, a persoa interesada poderá cumprir a súa xornada de traballo con absoluta liberdade, sempre e cando, en cómputo mensual, resulten cumpridas todas as horas mensuais de traballo aplicables.

3. A solicitude de flexibilización, de teletraballo ou mixta de teletraballo flexible, deberá ser resolta pola entidade empregadora nun prazo inferior a dez días naturais. O traballador ou traballadora poderá solicitar á COMGIDG que informe sobre a súa situación persoal, antes ou despois da resolución da entidade empregadora, para a súa utilización como proba documental ante xulgados ou tribunais aos que decida acudir en defensa do seu dereito e dos descendentes ao seu cargo. En caso de apreciar discriminación directa ou indirecta da entidade empregadora, a COMGIDG iniciará as accións xurídicas que considere axeitadas para protexer e amparar os afectados.

 

Capítulo IV.

Comisaría Xeral de Impulso Demográfico de Galicia (COMXIDG)

 
Artigo 15. - Natureza xurídico-institucional.

1. A Comisaría Xeral de Impulso Demográfico de Galicia (COMXIDG) é o alto comisionado do Parlamento galego para mellorar os indicadores de fecundidade e as proxeccións demográficas do pobo galego, co mandato de velar por que Galicia acade a medio prazo e sempre antes de dez anos a fecundidade media do conxunto da UE e, a longo prazo, antes de trinta anos a que corresponda á taxa de reposición demográfica deste.

2. A persoa que presida a devandita Comisaría Xeral será elixida polo Parlamento para un período de sete anos, renovable sen límite de termos.

3. O procedemento de elección, dotación e restantes elementos substantivos da Comisaría Xeral serán análogos aos determinados para canto atinxe ao Valedor do Pobo.

4.- A COMXIDG terá unha equivalente consideración legal, administrativa e orzamentaria que os restantes órganos ou institucións dependentes do Parlamento, que a dotará dos medios e recursos indispensables para cumprir as súas obrigas e asumir as súas responsabilidades.

 
Artigo 16. - Serán competencias da COMXIDG:

1. Monitorizar a evolución demográfica do pobo galego.

2. Propiciar a coordinación, cooperación e colaboración entre os servizos estatísticos da Comunidade Autónoma e das Universidades públicas, para mellorar permanentemente a calidade da información demográfica fundamental, a teor dos estándares de Eurostat, e a súa dilixente e clara transmisión á poboación.

3. Reportar ao Parlamento, á Xunta de Galicia e á Federación galega de Municipios e Provincias, a información sobre a que resulte urxente debater por estas institucións como alerta temperá diante dunha evolución negativa dos indicadores básicos de fecundidade e saldo vexetativo.

4. Propoñer á Xunta de Galicia, para a súa presentación perante o Parlamento, un Plan quinquenal de impulso demográfico, que será votado para a súa aprobación por dous terzos do Pleno do Parlamento, sendo ulteriormente sometido o devandito Plan a avaliación e corrección anual perante o Parlamento. Tamén poderá propoñer á Xunta de Galicia anteproxectos de Lei e proxectos de disposicións regulamentarias, ademais de dirixirlle propostas e informes cando a situación dos indicadores demográficos o requira.

5. Informar á Xunta de Galicia e ó Parlamento do balance demográfico anual de Galicia e da súa evolución en termos comparados co resto da UE, propoñendo as medidas correctoras que considere imprescindibles.

6. Velar pola non discriminación, directa ou indirecta, por razón de maternidade ou paternidade e impulsar as accións xurídicas pertinentes, mesmo perante os Xulgados e Tribunais de Xustiza.

7. Realizar a avaliación de impacto demográfico (AID) dos proxectos e proposicións de Lei que deban presentarse ante o Parlamento, así como os plans que se sometan á súa consideración.

8. Instar a mellora da coordinación entre as administracións públicas para coadxuvar a superar as negativas proxeccións demográficas de Galicia.

9. Seguir permanentemente os debates demográficos que se desenvolvan na UE e difundir as mellores prácticas na materia que se presenten noutros Estados da Unión ou se recomenden polas institucións europeas.

10. Implementar as obrigas e medidas que se detallan nesta Lei.

11. Elaborar o proxecto de orzamento propio da COMXIDG para a súa integración nos orzamentos do Parlamento, executalo e render conta da súa execución.

12. Desenvolver aquelas iniciativas que considere imprescindibles en liña co obxecto da presente Lei, dando conta do feito ao Parlamento.

13. Aprobar as directrices precisas para dar cumprimento ao ordenado nesta Lei.

14. Trasladar aos proxenitores de todos os nenos nacidos en Galicia a gratitude e recoñecemento do pobo galego polo seu compromiso co futuro de Galicia.

15. Difundir a relevancia do feito demográfico para perpetuar a identidade cultural e histórica de Galicia, garantir a súa cohesión socioeconómica e preservar a saúde financeira do seu modelo social.
 

Artigo 17. - Medios e instrumentos da COMXIDG.

1. A equipa da COMXIDG estará integrada por persoal funcionario ou laboral procedente doutras administracións públicas. O devandito persoal quedará en situación de servizos especiais mentres desenvolva a súa actividade na Comisaría e terá a consideración de persoal ao servizo do Parlamento. A relación de postos de traballo deberá ser aprobada polo Parlamento.

2. A COMXIDG intentará realizar o maior número de actividades que precise desenvolver mediante convenios de cooperación ou colaboración coas Administracións Públicas, os seus organismos e entidades, así como con entidades privadas, preferentemente sen ánimo de lucro, con ou sen cofinanciamento pola súa banda.

3. Unicamente se recorrerá á contratación externa de servizos e medios cando se acredite a imposibilidade de obtelos por medio dalgún convenio dos previstos no número anterior.

 

Disposicións adicionais.

Primeira. - Orzamentos anuais da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Para a elaboración dos orzamentos anuais da Comunidade Autónoma de Galicia tomaranse en consideración e incorporaranse a eles os indicadores demográficos que forneza a COMXIDG. No proxecto de lei de orzamentos anuais incorporarase ademais unha memoria específica sobre a situación demográfica de Galicia, e avaliarase o previsible impacto destes sobre aquela.

2. A COMXIDG elaborará un informe especial para o Parlamento sobre o previsible impacto do proxecto de orzamentos anuais da Comunidade Autónoma sometido ao seu debate e aprobación.

 

Segunda. - Adaptación do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) ás necesidades demográficas de Galicia.

1. A Consellería competente en materia de Facenda modificará e adaptará a lexislación reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas na súa parte autonómica para adaptar o devandito tributo ás previsións de tributación sobre a renda per cápita familiar fixadas na presente Lei, sen minorar por iso a recadación media obtida polo referido imposto durante o último trienio, procedendo así á repartición equitativa, compensatoria e progresiva entre todos os contribuíntes, dentro do marco autorizado pola normativa estatal.

2. A adaptación lexislativa prevista no número anterior terá que entrar en vigor para a súa aplicación antes do inicio do segundo exercicio fiscal que siga á entrada en vigor da presente Lei.

 

Terceira.- Futuras proposicións de Lei galegas perante da Mesa do Congreso no eido da revitalización demográfica.

1.Mentres Galicia non acade a fecundidade media da Unión Europea, o Parlamento de Galicia, nos termos previstos polo artigo 87.2 da Constitución, remitirá á Mesa do Congreso, tantas veces como sexa legal e preciso, unha proposición de Lei para adaptar a normativa tributaria e sociolaboral españolas á necesaria rexeneración demográfica de Galicia e do resto de España. A devandita adopción do texto a remitir esixirá unha maioría semellante á requirida para elixir á persoa responsable da COMXIDG, así como a súa proposta de exame polos parlamentos das demais Comunidades Autónomas con pésimas perspectivas de fecundidade, a fin de que efectúen as súas propias propostas.

2. A proposición de Lei enriba citada incorporará as medidas indispensables de interese para Galicia e mailo resto de España a fin de impulsar a fecundidade, naquelas materias que excederan as competencias autonómicas, facendo especial fincapé en medidas consensuadas a longo prazo, de alcance xeracional, e socialmente ecuánimes, como é o principio de tributación universal atendendo á renda per cápita, consonte o indicado no artigo 4 da presente Lei.

3. Se, a pesares das medidas adoptadas polas Cortes Xerais españolas, a fecundidade galega non iniciase unha rápida converxencia coa fecundidade media europea, o dobre de veloz que a experimentada en termos de renda per cápita entre 1986 e 2008, o Parlamento de Galicia impulsaría novas medidas a través de subseguintes proposicións de Lei, con iniciativas que mesmo chegasen a propugnar a reforma da Constitución para apoiar á infancia e mocidade que deba perpetuar a solidariedade interxeracional que garante a cohesión social, sen desbotar a posibilidade de instaurar o sufraxio universal activo dende o nacemento, asistido no seu exercizo preferentemente polas nais dos menores e, subsidiariamente, polos pais.

  
Disposición transitoria única.

O regulamento executivo do SECAID será aprobado no prazo dun ano dende a entrada en vigor desta Lei.

 
Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó previsto nesta Lei.

 

Disposición derradeira.

A presente Lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

meldesar@gmail.com 


[1] The lowest fertility rates were recorded in three Spanish regions, namely the island region of the Canarias (an average of 1.04 live births per woman) and two regions in the north-west — the Principado de Asturias (1.05) and Galicia (1.07).
 
[2] Statistics in focus 13/2013: Towards a ‘baby recession’ in Europe? Differential fertility trends during the economic crisis.